utilidades estúpidas do feibuc (ou semblanza dunha adolescencia sen interné)


unha vez fun adolescente. foi hai muitos anos e dediquei gran parte da mocidade a esquecelo. así que, tras xorndas de sólido empeño, conseguín afogar o pouco recordo daqueles anos que me quedaba. porén, a vida, e a mente, están cheas de reviravoltas, sinuosas estradas nas que nunca sabes que pantasma che vai saír. e non se enganen,  ás veces mellor era bater coa moza autoestopista que vaga á procura de incautos condutores que con algún dos nosos propios espíritos.

o caso é que nunha desas revoltas atopei o pasado sábado a martín. eu era unha incipiente adolescente que acababa de solicitar a súa nai que lle mercase un bikini, o meu primeiro bikini (e non era o precioso libro de elena, senón dúas pezas de roupa dun amarelo vivo que lucía con emoción de preadulta) e pasaba as tardes con eles.

e quen son eles? -adoitaba preguntar miña nai

pois eles, mamá, quen vai ser? os do campo. os do campo eramos nós, os que quedabamos no campo da feira… todos! – engadía eu. e dicía este últimos todos con énfase, para que miña nai entendese a necesidade imperiosa de quedar porque ía estar todo o mundo. el tamén estaba, claro, anque eu daquela non tiña ningunha esperanza de lle gustar porque era rara:  levaba gafas, escoitaba pink floyd e camel, non me gustaba a cocacola e ía á praia ler un libro que me tiña moi enganchada porque, ademais, odiaba as pachangas de futbol e as pás. nin sequera sei como me querían na pandilla.

todo iso vén detrás do recordo coma unha cereixa que arrastra a outra.

admito que a culpa foi miña por andar remexendo na memoria. foi no obradoiro do sábado, alá en valadares, que lles propuxen aos asistentes facer unha posta en común de recordos para ter un motivo para escribir. empezamos pola infancia, co arrecendo das gomas de nata, os libros de texto herdados, o pan da avoa… e así fomos chegando á adolescencia. e de súpeto, martín presentouse alí, coas súas mans frías, intentando, torpemente, desabotoarme o sostén do meu recén estreado bikini amarelo. un calafrío subiume polo rego do lombo mentres o contaba.

a cousa rematou en bronca e el marchou de volta á súa cidade seguramente pensando que eu era unha estreita. nunca máis nos vimos. pero aí empezou oficialmente a miña adolescencia.

dous días despois o poema segue sen rematar, agardando por un momento no que lle poida meter man. será por iso, porque deixei o poema a medias, que martín non marchou da miña casa dende aquel sábado que foi invocado polas sereas do recordo. onte presentouse no salón, á hora da sesta, e porfiou e porfiou ata que escribín o seu nome no buscador do feisbú. pensei que nunca o faría, entre outras cousas porque das moitas utilidades estúpidas que o feisbú ten, esa é a máis estúpida de todas. para que vale procurar alguén que xa só é un recordo de mans frías en pleno agosto?

menos mal que non o atopei. tampouco quixen insistir. se o atopase non creo que pasase de ver a súa foto e desmellorar o seu recordo. ao fin e ao cabo, os recordos son construcións elaboradas a base de repeticións que acabamos por crer como verdaderias. e no meu recordo, martín era un seductor galán, versión que só eu manteño de todos cantos o coñeceron nesa época e nese lugar.

porén o exercicio  levoume ao barrio da mocidade. e non era tan mal sitio coma eu me empeñara en debuxar. naquela panda de xente eu non era a única rara. había outro, que escoitaba os doors, ía á praia con zapatóns e chaqueta negra e adoitaba preguntarme se os libros que eu lía estaban ben. ese mesmo verán, con el compartín a emoción do gardián entre o centeo, stand by me (a peli), os clash, paco ibáñez, os primeiros poemas, o makondo, o batallón, os recitais, compostela… unha vida, vaia. e a conclusión que saquei é que foi todo unha sorte ter aquelas gafas de seis dioptrías e o cartel de rariña colgado na fronte. só así puiden atopar o meu mellor amigo. e disfrutar dunha mocidade realmente incrible.

iso si. prometo que nunca máis empregarei o feisbú para lerchear.

Comments are closed.

Staypressed theme by Themocracy