convite invisible para homes e mulleres invisibles

esta fin de semana hai festa en valadares, organizada polo colectivo alg-a, bendita asociación que anima un pouco a vida a terra do vello olivo. xa empezou a semana pasada, que pasei chamando aos colegas para comentarllo e, de paso, tamén aos medios (que, salvo unha excepción, pasan amplamente do asunto). a festa é en realidade un festival no que hai moito para ver e escoitar. malia o silencio dos medios, eu porfío e mando algúns meils co programa, un deses escritos de poucas palabras que despois precisan dunha longa explicación para a xente de a pé, coma min. ruidismo, experimentación, slow psicodelic, electroacústica, performance, club, VJing, teatro-movemento, funk-hop, poesía fonética… eu mesma entendo só algunha palabra solta pero en xeral ignoro o significado de todas postas por xunto. así que cando os colegas me preguntan que vai haber? teño que traducir todo iso a referentes máis aprehensibles.

-pois música, poesía, teatro, videos e un bar.

-ah vale! e que como vin aí un montón de palabras en inglés…

-home, éche todo..un pouco raro, iso si, un pouco… experimental, digamos, para falar con propiedade.

-pero habendo bar, non hai fallo!

o máis bonito é que todas esas palabras difíciles xuntan unha morea de xente alá en valadares, nun sitio, onde se ubica o lab(oratorio) alg-a, que non deixa de ser a aldea. entre coleiros, cabaceiras, veciños con can solto e, como son as aldeas aquí en vigo, algún chalé. e eu, como son unha aldeá, síntome alí coma maraghota no mar. e para máis, as propostas que se xuntan arredor de alg-a son sempre sorprendentes. só lamento que tales citas acaben sendo pequenas festas para veciños e amigos que, se non fose pola rede, nunca trascenderían máis alá da nosa propia folla parroquial. é unha mágoa, sinceramente, que tanto esforzo e talento sexa coma sempre invisible.  quería convidar a roberto varela, que é un home de mundo, e que ademais sabe inglés e non hai que traducirlle nada. pero valadares non é nova iorque , haberá que dicirlle que traia as botas de treking e que o chofer non meta o coche na lama da finca, que se chove, calquera llo saca. 

cartel_rdez_03

pois iso, saiba que está convidado, señor conselleiro da cultura galega, perdón! de galicia.

Comments are closed.

Staypressed theme by Themocracy