o feisbu e a vida

vou en sábado á cidade da torre. é que quedei alí cuns poucos, pero bos, alumnos anotados ao fugaz curso acme para poetas modernos que ideamos aldao e eu. non se anotaron  máis ca media ducia e a min asístenme só un cuarto de ducia… en fin. había un temporal de dous pares de furacáns e boteille a culpa a iso. a iso e a que aparcar na zona do forum é un exercicio de paciencia infinita. excesivo para humanos aos que aínda lle corre sangue polas veas.
a metade de taller éntrame unha mensaxe no móbil. perdón, perdón, seguide co que estabades. miro mentres eles lle dan voltas ao caletre e ao verso e descubro que estévez e compañía agardan por min pra tomar unha birra. así que en acabando a sesión imos a un garito que me gusta muito. corazón de montealto. ou o que é o mesmo: outra media horiña de voltas buscando onde deixar o coche e que siga alí cando queira marchar…ao final métoo no aparcadeiro ese que preside unha virxe colocada nunha hornacina. si,si, así como soa,xusto á entrada. coruñesismo total, en tempos o sitio era unha casa de putas. o da virxe débeche ser pra compensar.
entro no bar e acórdome de que despois teño que tirar aínda para vilainferno baixo a chuvia. en vilainferno á hora que eu chegue non haberá un sitio decente onde tomar nada.pero estou afeita. en vilainferno simplemente non hai ningún garito decente. sento coa miña cervexiña nunha mesa poboada de colegas. aldao tamén. pregúntannos polo taller.hai pouquiña xente, digo eu, pero é o normal. e son mui curriños.pois anunciámolo ben. ata no feisbu… e así comezamos a falar do carallo do invento. eu non o podo aguantar. empezo a largar por esta boquiña que a xenética me dou e que ademais enchiu de improperios, pouca vergonza e menos cancelas.  haiche vida máis alá do feis, non vos creades. todo o mundo se esforza na defensa do invento. bueno, eu vou tirando. vou sacar o coche antes de que a virxe me pida o carné de donante de órganos porque creo que ese aparcadeiro debe valer un ril. e érgome dándolle o último grolo á miña estrela. saio do bar e chove. de camiño para a casa levo o cristal do condutor unha chisca aberto para que entre a choiva xusta. voulle dando á cabeciña. fóiseme metendo o temporal antre as orellas… escribo mentalmente:

o feis é un garito de música que non che mola, de decoración que detestas e de ambiente deleznable. pero os teus colegas van, así que…hai que foderse. ou iso ou quedas na casa.
en resumo: o feis é como saír en vilainferno.

 

uns días despois cólgollo a esévez no seu muro. ninguén contesta.

Comments are closed.

Staypressed theme by Themocracy