sen complexos

Estimados responsables do país:
Tal vez vostedes fagan coma quen non o sabe, ou eviten caer na tentación de cavilar niso, pero vostedes non están en Castela, nin en Nova Iorque nin en Estrasburgo. Saquen a cabeza pola fiestra do despacho e miren as hortiñas rosalianas que aínda quedan en Compostela. venas? Pois non se enganen: están en Galiza. Avergóñanse? Renegan? Mala sorte. Aínda así seguen en Galiza. E son os galegos os que lles dan de comer (e creo que non comen mal), e os que lles pagan eses coches tan baratos que conducen e eses traxes que ninguén lles regalou. E por certo, eses seus votantes dos que tanto presumen…a maioría falan galego ou minten nas enquisas (e supoño supoño que ter votantes galegofalantes é mellor que ter votantes mentireiros).
Pois nese país no que están, Galiza, por moito que se avergoñen, a lingua propia é o galego. E nela leva moitos séculos habendo unha produción cultural vasta que se exporta sen problemas a calquera parte do mundo. Igual vostedes non o saben (son daquelas xeracións que non estudaron nin literatura, nin historia nin lingua galega na escola, asumo que poidan descoñecer algunhas cousas) pero esa lingua e esa cultura deron ao mundo centos de escritores, intelectuais e artistas que andaron pola xeografía planetaria co galego na boca sen temor nin complexo. Creadores que traduciron autores de ducias de linguas ao galego, escribiron algunhas das obras cumbres da literatura mundial en galego, pintaron cadros e expuxeron polo mundo adiante, fixeron fotografías e foron recoñecidos máis aló das nosas fronteiras, idearon películas que se proxectaron alén dos teleclús das nosas aldeas e tocaron e cantaron, algúns mesmo en galego, e foron escoitados por xentes de todas as nacionalidades. Fixérono con complexo de galego? Este é un bo momento para lle preguntar que carallo é iso. Tiña castelao complexo de ser de Rianxo? Avergoñábase Cunqueiro da lingua na que xuraba seu pai? Ou acaso Chano Piñeiro pensaba que en Galiza non se podían facer películas?
Estar acomplexado é pensar que a nosa lingua é menos ca outras, que a nosa cultura non vale para sacar das nosas fronteiras e que a que debemos exportar é a “feita en Galicia” e non a “feita en galego”. Renegar do propio porque o prado do veciño semella máis verde, iso venlle sendo o complexo. Dar conferencias en castelán, sendo representante da cultura e o goberno galego, e tendo diante un auditorio galego… iso é ter complexo. É ter complexo de galego en Galiza. É renegar, coma se renegaba cen anos atrás, dunha lingua e unha cultura recoñecidas mesmo nesa Europa tan querida para os intelectuais de miras tan “abertas” que -diolopaghue- nos veñen salvar do noso enfermizo “ensimismamento”.
Sei polos dicionarios que coñecer a cultura dun, respetala e dala a coñecer a para que outros poidan desfrutala non é estar ensimesmado. Claro que se empezamos a definir nós mesmos as palabras e pasamos da Real Academia, como vexo que non lles dá reparo facer… aí si que, como dicía aquela propaganda, valerá “pulpo” como “animal de compañía” e “cultura galega” como sinónimo de “límite intelectual”.
Pero que eu saiba, a cultura sempre suma. É a ignorancia a que limita.
(a foto dos animaliños relacionándose sen complexos saqueina de aquí. )
6 Comentarios
Outras ligazóns para esta anotación
RSS semente para comentarios a esta anotación. URI do trackback
Por Sak, 20 xaneiro 2010 @ 1:42 pm
Ilústrese esta entrada co sentimental video: http://galegolandia.blogspot.com/2010/01/non-estou.html
Por Xavier Campos, 21 xaneiro 2010 @ 5:40 pm
Moi bo artigo, noraboa. O do Conselleiro é de delirio, non pode seguir no cargo unha persoa que tal pensa.
Saúdos
Por Modesto, 21 xaneiro 2010 @ 6:58 pm
Fantástico artigo, María. Sumamente revelador nos tempos que corren. Se os mamarrachos dirixentes que nos (mal)gobernan tivesen só a metade do entendemento que demostran os animaliños da foto outro galo cantaría.
Por paideleo, 21 xaneiro 2010 @ 11:43 pm
Gustoume !. Agora falta que quen ten que lelo o lea.
Por mariademallou, 22 xaneiro 2010 @ 4:09 pm
se nos gobernasen ese porquiño e as dúas ovellas da foto…como sería o reparto do goberno?
Por Mr Tichborne, 27 xaneiro 2010 @ 12:27 am
Coincido palabra por palabra.