poema perdido nunha botella
convidada por chisco escribo un poema para lanzar ao mar durante o encontro de embarcacións tradicionais que terá lugar en muros dentro de dúas semanas. un artista fará un artefacto contenedor para o poema e mandarémolo a navegar por aí. o poema levaba tíveno na cabeza durante días. agora téñoo aquí. pero a partir do domingo 12 se o ven por calquera praia saúdeno, ou, como se di pola miña terra, fálenlle sempre.
para o océano
ti eras só un neno de fanequeiras vermellas que a area enterraba,
un brazo fortemente prendido da miña saia morada
teño medo dos bichos, mami, dos bichiños do mar
e con forza de xigante collíaste da tea.
só así deixabas que o mar che lambese, sen avanzar, as pernas,
cravados ti e eu fronte a liña pola que a tarde escapaba.
mollándose o rodo da saia coas puntas do mar
ti
… acordaste diso? eras só un neno
ao abrigo do monte de mallou
os dous éramos pequeniños, coma as caramuxas, no areal deitado
un dedo de brisa percorrendo as nosas costas
peiteando as herbas de namorar no lombo da praia
e esas outras prantas, mami, esas que son rabiños de coello
son, si. son.
e cando se moven así é porque os coellos están contentos
están
lémbralo? eu escribira fronte ao mar
estás aquí neste poema, ves?
e mamá tamén
e o mar
e os bichiños do mar?
tamén, e os rabiños de coello
todos aquí dentro deste poema, nesta botella, aquí metidos construíndo un recordo deste día
bótala ao mar, meu amor?
pero calabas, agarrado á saia que a brisa preñaba.
e a onde iremos?
a onde o mar nos leve
e habemos de volver
non sabemos
e ti estarás comigo?
ata o último verso.
dende a ribeira vímola marchar. ti e máis eu, do outro lado do poema,
acórdache?
(poema perdido nunha botella)
By rober, 4 Xullo 2009 @ 12:42 p.m.
fermoso… mais non está perdido, vese que quedouche copia gardada no corazón ;)